O RINCÓN DE VANESA SISO



Unha cousa máis

 Por Vanesa Siso

Xornalista

Cantart’ei, Galicia,
Na lengua galega,
Consolo dos males,
Alivio das penas.
...
Qu’asi mó pediron,
Qu’asi mó mandaron
Que cant’e que cante
Na lengua qu’eu falo.
Rosalía de Castro

Unha praza galega ateigada de xente bailando e cantando ao son dunha música sorprendente, atrevida e rompedora, de versos ancestrais. Unha chamada común, apelación de identidade inusitada na vila dos cen bares e ningunha librería.
O celme do canto tradicional galego estala en frémitos tinguidos de sentimento no recuncho de calquera taberna, no intre exacto onde os pés comezan a puntear levados polo movemento maino e preciso dos brazos. Non importa o trebello empregado para marcar o ritmo innato da muiñeira, que enche cun denodo avelaíño os ocos baleiros do lugar.
“Esta é unha das poucas cousas que me segue emocionando”. As verbas saen dunha muller de ollos claros; a frase deixa entrever que a cultura é o coñecemento de todo o mellor que un pobo, neste caso o noso, o galego, fixo e pensou ó longo da súa historia. Un escenario que pese á evolución do tempo, á veloz e ás veces atroz globalización, ó individualismo, ó desinterese e desarraigo cultural, segue facendo tremer a aqueles que o sabemos como o noso legado. Nin sequera o tempo e a ignorancia dos que oprimen e condenan a identidade dos pobos ao ostracismo conseguen facer a máis inxusta das ordalías. A cultura é unha das ferramentas máis potentes para salvar a un pobo polo feito de debuxar unha realidade para poderlle poñer remedio de seu.
Vivimos nun tempo no que está a rexurdir das cinzas o canto taberneiro, no que a música tradicional galega renace con outras formas e estilos, bebendo de distintas fontes pero sempre, sempre, polos vieiros e congostras que desembocan no mesmo lugar. Tanto grupos de música tradicional, folk ou mesmo bandas de gaitas, cada un no seu ámbito, están a facer en Galicia una función que cómpre identificar como vital para o progreso do pobo.
“Son cousas…”, como diría Castelao, cousas que dignifican, que ennobrecen, que unen, que emocionan e nunca esmorecen. Non son tan só unha cousa máis.








Alemaña. De novo unha ilusión. De novo un obxectivo.
Por Vanesa Siso Calvo
Fai un mes nos embarcabamos nunha aventura para ir deixar unha pegada ó país veciño, Portugal. Sería unha viaxe curta, pero as expectativas estaban ben claras. Para unhas, o feito de volver a coller a pandeireta, a tocar e cantar esas melodías que creceron con nos, e para outras, amosar a cultura que pouco a pouco van coñecendo como froito do seu traballo ao longo do ano. Sexa como for, as incertidumes sobre a viaxe fóronse despexando a medida que transcorrían as horas.
Din por aí que a única sinal de superioridade é o sentimento de pertenza á propia terra e o respecto polas demais. Nunha época tan entrañable como é o Nadal, as luces cheas de cores amosáronnos as rúas de Barcelos, de Braga e de Valença. Pero non só descubrimos lugares novos, xente nova; abriuse ante nos un abanico de eventos culturais que as persoas do lugar, moi gostosas, nos ensinaron. Unha vez máis a música chegaba a nos como a linguaxe universal que vai máis alá de calquera fronteira.
Agora tería lugar a nosa quenda. Os espertadores das pandereteiras daban comezo a un día un tanto especial. Levabamos anos poñendo en cada actuación as medias, o traxe de lino, os zocos… e aquel día, cada unha fronte ó espello recolleu o pelo recibindo o reflexo dunha tradición. Os galegos creamos xuntos a nosa cultura, e semella que lle damos máis valor cando saímos da casa. Esa cultura común é a que nos fai crecer como persoas, e a que fai que se abra un semicírculo de labregas, en calquera lugar do mundo, para trasladar cunha mirada de complicidade aquilo que nos diferencia dos demais. Tres toques de pandeireta, un novo aire de gaitas, e comeza a función. Uns pasan estrañados, outros sinalan, outros sorrín, e outros aplauden ó ritmo da música. Cando rematamos, aínda que pareza unha contradición, nada finaliza. Todo volve comezar, a satisfacción do momento, un intre que se converterá nun recordo máis do que falar cando volvamos subir ó bus na próxima viaxe.
Agora o noso obxectivo é Alemaña. Volven as incertidumes e as ilusións. Rúas novas, xente nova, e costumes se cadra máis distintos. Pero alá vamos as Pandereteiras de Andrade, en busca dun recordo máis. Namentres, seguiremos aprendendo e deixándonos sorprender polas inquedanzas dos nosos galegos ancestrais, e levando todo isto con nos, días tras día, co orgullo e satisfacción que require. Ó fin e ó cabo, a cultura é o único que nos queda cando xa non lembramos outra cousa.
 







TRAXE TRADICIONAL GALEGO
Por Vanesa Siso Calvo
Segundo a vella dialéctica filosófica, a facultade humana de crear é aquilo que máis se achega á divindade. Se cadra nos últimos 20 anos tomámonos a liberdade de crear ou innovar no traxe galego, pero nun eido no que a comercialización eclipsa a calquera referente divino que tomemos para a creación de elementos. Todo progreso é aceptable e incluso necesario, porén no momento no que se representa unha tradición cómpre adecuarse ó máximo a aqueles presupostos que identificaron ó noso pobo. Moito máis alá de códigos éticos ou morais, un galego que se poña un traxe tradicional co sentimento que require, endexamais supliría calquera dos seus detalles a prol dunha modernización en ocasións patética e que atende a modas efémeras incompatibles co folclore galego. Todo isto imbuído na chamada sociedade do espectáculo, na que semella que todo é lícito con tal de captar as máximas atencións e crear e innovar algo que xa de por si está creado con unha identidade intrínseca que non precisa de cambio algún. A natureza do traxe tradicional leva implícita a idiosincrasia galega e iso debería ser un motivo máis que suficiente para non forzar modificacións nin sucumbir ante unha industria crecente. O consumismo é o noso pan de cada día e, como non podía ser doutra forma, tamén chegou a facerse dono dos aspectos que até o de agora parecían máis intocables, como pode ser a tradición dun pobo. No século XIX xa se fixo da cultura unha industria, proceso que foi creando clichés cun efecto mimético entre culturas, achegándonos ó precipicio da chamada cultura global, que iría tentando pisotear todas aquelas características que definen as tradicións dos pobos e as diferenzas e curiosidades entre eles. Non obstante, non foi o proceso igual en todos os lugares, a idiosincrasia da que se fala ten aspectos moi peculiares na nosa comunidade. A finais do século XIX, da pluma de Curros Enriquez xa salían estes versos: Eu sónvo-lo probe do pobo gallego: pra min non hai maio, ¡pra min sempre é inverno!...Quizais para nós aínda hoxe deambule a brétema do inverno nos nosos pensamentos, e nos impide que valoremos e saibamos o que realmente representamos e a importancia de que a tradición se manteña nos traxes que vestimos nos mesmos e aínda moito máis aqueles traxeciños que lles poñemos ós nosos fillos e netos. Isto non é un carnaval, é a cultura máis lonxeva no que concerne á oralidade, e máis alá de títulos, números ou estatísticas, é a nosa cultura. Para rememorar sempre as nosas raíces deberiamos acudir máis a estes versos e non seren preguiceiros, saber as telas que empregaban os nosos ancestros, segundo a época do ano ou a utilidade, así como o xeito de vestir todas as roupaxes, e non obsesionarnos cunha “beleza” ou estética a base de xoias recargantes, abelorios en exceso ou as máximas galas de que somos capaces. O verdadeiramente admirable sería lembrar que provimos dunhas raíces humildes, onde unha tela fucsia para unha saia ou unha trenza de espiga chea de laca non tiñan moita cabida. Apelar ás nosas conciencias, ás de todos, a aquelas que lles gusta vestírense, a aquelas que non saben sequera como é o seu propio traxe rexional, pero sobre todo, a aquelas mans que tiran máis beneficios a base de botar por terra todo aquilo que implica un bo traxe tradicional galego.
Calzón curto, alta monteira,
verde faixa, albo chaleque,
i o pano na faltriqueira;
sempre na gaita parleira
levaba dourado fleque.
Manuel Curros Enríquez




GRAVACIÓN DO NOSO PRIMEIRO DISCO
Os recordos e as vivencias que esta familia de pandereteiras nos brindou gardados nun CD.
Para que o noso traballo e esforzo ao longo dun camiño cheo de trabas e pedras nas que tropezar siga presente no tempo porque ningún obstáculo foi quen de truncar a nosa ilusión.

Estudos de gravación - ABRIGUEIRO




O NOSO PASO POLAS TELEVISIÓNS
Os recordos vividos en 4 pases do programa Luar, 4 en Tardes con Ana, 1 en Pequeno Gran Show, varios nsa Televisión de Lugo e finalmente en Buscando Estrelas forxaron en nós unha nova personalidade, a de CANTAREIRAS...





XORNADAS DE CONVIVENCIA CULTURAL NO ALBERGUE XUVENIL DE GANDARÍO
Aqueles días de divertimento onde durmíamos fora da casa, íamos a praia e tamén tocábamos e bailábamos...