10º ANIVERSARIO DAS PANDERETEIRAS DE ANDRADE

Dez anos...

Baixo a tenue luz sombría do tempo, comprendendo que non se deben restar anos á vida senón poñerlle vida aos anos, aquela imaxinación infantil volta cara nós esmorecendo por uns instantes o novo mundo e iluminando o paso do tempo. Un tempo que ben nos fixo aprender que o puzzle do presente só se constrúe coas pezas do pasado, e que a barca coa que navegamos a nosa vida vai fluíndo por un río que sempre se mantén. O percorrer destas augas é o que hoxe chamamos a nosa experiencia, aquilo polo que 4 rapazas seguen unidas cun mesmo obxectivo e baixo un mesmo timón.
As Pandereteiras de Andrade cumplimos dez anos de andaina no mundo da cultura galega, algo que cos 7, 8 ou 9 aniños cos que comezabamos escapaba ás nosas conciencias. A nosa busca limitábase a bailar acompasadas co son das gaitas e redobrar ben a pandeireta mentres cantabamos versos de ilustres poetas galegos.
Cando era pequena dixéronme un día que o tempo era un gran mestre, pero que a pesares de selo, ía matando aos seus discípulos. Polo de agora, nin o tempo, nin outros aconteceres remataron coa nosa ilusión, coa aprendizaxe que nos 4 fomos adquirindo e coa que hoxe podemos ensinar ás pequenas que van pousando os seus pes sobre as pegadas que nós fomos deixando.
O noso percorrido responde ao concepto tan soado da `transmisión da cultura galega`, pero, que quererá dicir isto? E para que? Máis aló de ideoloxías, concrétase en que non saber o que ocorreu antes da nosa existencia é coma seguir sendo nenos, e se de algo foi espectador o tempo que acompaña a este grupo, é do paso que experimentamos unhas nenas de primaria que hoxe enfrontan a entrada no mundo adulto.
Sempre seremos pandereteiras, e só nos poderán comprender aqueles que pasaran polo mesmo que pasamos nós. Algo tan sinxelo coma uns repeniques de pandeireta ou unhas cantigas, remataron por determinar o noso modus vivendi, un xeito de vida tradicional adaptado aos novos tempos e, esperemos, sen data de caducidade nas novas xeracións.

Vane Siso
ASI ERAMOS E ASÍ SOMOS...